Inicio > Ruta polos arredores
Características:
Punto de saída: Praza de Irmáns Garcia Naveira.
Puntos de interese: 8.
Distancia aproximada: 2,5 Km.
Tempo aproximado: 2 1/2 horas.
Recoméndase facer en coche, aínda que se o visitante ten vagar tamén a pode realizar camiñando. Trátase dun itinerario que circunda a cidade de Betanzos. Visitaránse lugares pouco coñecidos polos turistas habituais da cidade mais de grande beleza como Roibeira, o santuario das Angustias ou a igrexa de San Martiño de Tiobre. De camiño a estes dous últimos lugares teremos unha espectacular vista de toda a cidade e do esteiro da ría.
1- Santuario das Angustias
Conta a tradición que a construción do templo débese a unha imaxe aparecida neste lugar; primeiro fíxose unha pequena capela e no ano 1750 o santuario actual. No seu exterior podemos ver unha panorámica de toda a cidade.
2- O Parque do Pasatempo
O parque do Pasatempo foi a obra máis importante financiada persoalmente por Xan García Naveira, iniciándose a súa construción no ano 1893 e concluíndose case 40 anos despois. Trátabase dun grande parque enciclopédico para o recreo e a educación dos betanceiros.
3- O Lavadeiro das Cascas
Fundado polos irmáns Naveira en 1902, está situado na marxe esquerda do río Mendo entre as dúas pontes das Cascas (antiga e nova). No baixo hai 22 postos de lavadoiros para usalos en función das mareas. Na superior situábanse os secadeiros cubertos.
4- A Ponte de Roibeira
O río que invita ao paseo, os prados, os muíños, a naturaza e a ponte confiren a este lugar unha maxia especial. Recomendamos aos visitantes pasearen sen porqué, ou sentaren a contemplar o paso do río preto da ponte. Até aquí chegaban a merendar e comer as familias e os grupos de amigos de Betanzos.
5- Santuario da Nosa Señora do Camiño
Unha serie de lendas contan que a Virxe apareceuse neste lugar e para honrala construíron unha pequena ermida e un hospital de peregríns, pois o camiño inglés de Santiago pasa por aqui. Ambas construcións foron substituídas polo templo actual que se rematou en 1601, seguindo os planos deseñados por Juan de Herrera, o arquitecto do Mosteiro do Escorial.
6- San Martiño de Tiobre
A orixe da cidade de Betanzos atópase moi preto desta igrexa, nun lugar coñecido como Betanzos o Vello. Era aquí onde se situaba a cidade antes do seu traslado en 1219 ordenado polo rei Afonso IX. A igrexa actual foi restaurada e consagrada en 1108 polo arcebispo Xelmirez, mais a súa orixe suponse anterior.
7- Desembocadura
As marismas constitúen un hábitat de importancia para as aves migratorias que utilizan estes humedais como zonas de descanso en toda Galiza. A garceta, a garza, a gaivota… son habituais no estuario da ría de Betanzos.

